De Atenas a Astorga: a longa marcha dos "kylikes" do Castro de Elviña, con probable final en Lugo

É ben sabido que as escavacións do Castro de Elviña foron encetadas por Luis Monteagudo, comisionado pola Universidade de Santiago, aló por 1947. O responsable da arqueoloxía no Estado, certamente azul, de entón, Martínez Santa Olalla, nomeou pola súa parte a José María Luengo en calidade de director comisario ou algo así. As relacións entre Luengo e Monteagudo non foron particularmente boas, e as tensións entre eles resolvéronse como correspondía ao estado cromático das cousas: dende o ano seguinte ata 1954 o Castro pasou a ser dirixido en solitario por José María Luengo.

Desas escavacións publicou Luengo unha pequena memoria en 1955. Nela aparecían debuxadas unhas pezas moi peculiares, cun corpo aberto e un pé realzado troncocónico, modeladas nunha cerámica gris con acabado coidado, case bruñido. Lamentablemente no texto de Luengo non se facía mención ningunha destas cerámicas, englobadas aparentemente nas produccións castrexas.


Debuxo na memoria de José María Luengo, 1954-55.

É posible que o lonxano parecido destas pezas coas copas para beber viño que comezan a producirse na Atenas do século VI a. C. estea na orixe dunhas misteriosas "cerámicas áticas" presuntamente procedentes do Castro de Elviña, que son reiteradamente citadas na bibliografía arqueolóxica e que, pola contra, non aparecen por ningún lado. Nin nos textos de Luengo, nin nos materiais custodiados no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón, nin na memoria das persoas que, como Felipe Senén López ou Juan Naveiro, traballaron no Castro, se atopa rastro ningún desas cerámicas áticas.


Kylix de cerámica ática, século VI a.C.

As curiosas pezas atopadas por Luengo estiveron moitos anos expostas nas vitrinas de San Antón. Unha delas, que aparentemente conservaba íntegra unha parte completa do perfil, dende o labio da copa ata o pé, foi recunstruída con criterios moi diferentes aos hoxe vixentes.


Reconstrucción dunha das pezas, no Museo de San Antón.

A pesares do chamativo e o inusitado dos fragmentos expostos, e sobre todo do peculiar carácter da peza reconstruída, nunca foron estudadas cunha mínima profundidade. Sen embargo, no mundiño arqueolóxico falábase da existencia de vasos "tipo kylix", e non son raras as máis ou menos difusas alusións, na bibliografía especializada recente, á aparición en Elviña de cerámicas "de tipo grego", "de formas mediterráneas" ou, posteriormente, "de imitación de cerámica campaniense", caracterización que se lles da nos estudos do Plan Director do Castro de Elviña redactado pola Universidade de Santiago baixo a dirección do Dr. Criado Boado
 
Pero o asunto distaba de estar claro. As pezas non tiñan que ver con nada habitual no mundo castrexo, nin se correspondían coas formas coñecidas da cerámica campaniense. Como posibles imitacións de kylikes áticos non era fácil entender unha chapuza de tal calibre feita por un mundo que, ao mesmo tempo, se reclamaba autor de obras técnica e estéticamente admirables como son as que forman o tesouro áureo atopado no castro. 

A caracterización das cerámicas en cuestión non é inocente. Se fosen imitación de kylikes áticos, deberíamos pensar nunha antigüidade cando menos do século V, se non do VI, antes de Cristo. Para o que se coñecía antes dos anos 80 do século pasado, iso facía de Elviña un dos castros máis antigos de Galicia. Hoxe, despois do camiño aberto polo añorado Antonio Álvarez Núñez (¿estaría hoxe coas acampadas do 15M, cumplindo coa súa teima de protestar con saco de dormir e botella de auga mineral, ou se negaría por iso de levar a contraria?) en Penalba a golpes de carbono 14, remachado pouco despois por Antonio de la Peña cos seus estudos en Torroso, sabemos que o poboamento amurallado en outeiros ven de moito máis atrás; os datos obtidos no Norte de Portugal chegan a traspasar o 1000 a.C. Pero mesmo así trataríase dunha antigüidade máis que considerable, en pleno proceso formativo do mundo castrexo ou a comezos do chamado Ferro I
 
A interpretación como imitacións de campaniense, unha cerámica de verniz negro producida nas área de Nápoles (a Campania), Florencia (Etruria) e Sicilia entre os séculos III e I a.C. grosso modo, resultaba moito menos violenta e máis acorde co que se ía sabendo de Elviña; do castro xa eran coñecidas algúns fragmentos de auténticas campanienses, así como de ánforas itálicas empregadas no transporte de viño (as chamadas Dressel 1), de cronoloxía coherente. A pesares de que as formas non cadraban ben coas campanienses canónicas, a interpretación das cerámicas quedou nese mundo difuso de imitacións de vaixelas finas de verniz negro anteriores ao dominio romano da Gallaecia
 
As campañas de escavación desenvolvidas en Elviña entre 2003 e 2007 centráronse no ángulo SW da muralla do recinto murado máis interior e máis alto do castro, a chamada croa ou acrópole, tanto intra como extramuros.

 
 
Mesmo que sairon tamén evidencias de utilizacións anteriores e posteriores do solar, o panorama máis evidente pertencía a dous momentos sucesivos; un deles abarcando os dous (se non tres) últimos séculos antes de Cristo, con transformacións urbanísticas en torno ao cambio de era, e outro posterior, que neste momento situamos nos dous primeiros tercios do século I d.C. O primeiro destes dous momentos proporcionou, ademais de abundantísima cerámica castrexa do chamado Ferro II, cerámicas exóticas dos citados séculos II-I a.C.: ánforas vinarias grecoitálicas e itálicas das xa citadas Dressel 1, ánforas e askoi púnicos, cerámica campaniense de verniz negro, cerámicas ibéricas, etc.
 
  
Materiais preaugusteos na croa: (1) ánfora grecoitálilca; (2) cerámica campaniense; (3) ánfora púnica africana; (4) posible askós; (5) ánfora Dressel 1 a; (6) cerámica ibérica. 
 
Pero non apareceu nin un só anaco desas cerámicas grises bruñidas ou cuasi-bruñidas que, se realmente fosen imitacións de campanienses, serían esperables entre o abondoso material atopado. As pezas "raras" de Elviña quedaban así no limbo do descoñecido, un limbo no que cecais sempre deberan ter estado, se damos por bo o que unha vez me dixo un amigo: vale máis unha sólida duda que unha falsa certeza. 
 
Aproveitando unha remodelación das vitrinas de Elviña no museo para expoñer os novos materiais, retiramos da circulación esas pezas das que non sabíamos dicir nada sen mentir. Ben poderían ter quedado, como mostra da realidade do coñecemento arqueolóxico (sabemos pouco, propoñemos e debatimos algo, descoñecemos moito), se houbese espazo para elo, o que non é o caso.
 
 
E con esa incógnita na cabeza (que non é máis que unha das moitas que Elviña, como calquera outro xacemento, plantexa cando un se aproxima con mirada curiosa e crítica) comezou a última das campañas de escavación, desenvolvida entre xaneiro e xuño de 2009. A diferencia das anteriores, plantexouse esta englobando unha boa parte da muralla máis exterior do castro, detectada ao sur da croa durante os sondeos de 2002. 

Os resultados do pequeno sondeo de entón, tanto polos materiais como pola técnica constructiva da muralla, apuntaban a momentos considerablemente máis avanzados que os estudados na croa. Os fragmentos de ánfora de posible adscripción ás produccións béticas destinadas ao transporte de aceite (as chamadas Dressel 20), os anacos de vaixela fina de verniz vermello con decoración de círculos (terra sigillata hispánica) e outros elementos como as asas dunhas ánforas, tamén de fabricación bética, das que aínda está en discusión o seu contido (as Haltern 70), permiten propoñer o comezo da utilización desta zona do castro a finais do século I d.C. ou comezos do II; o límite final viña marcado por algúns fragmentos de vaixelas finas, cun verniz máis alaranxado que as anteriores, das que derivan, fabricadas entre os séculos IV e V d.C (terra sigillata hispánica tardía).
 
 
 
 Así, se as anteriores campañas foran destinadas a intentar comprender o nacemento do castro e os seus primeiros momentos, esta tentaba de estudar o seu final.
 
 
   
 
Así pois, trazouse unha nova área a escavar, que foi ampliada no transcurso dos traballos, ao SE da muralla exterior. unindo dous dos sondeos realizados en 2002: o Sondeo 5, ao SW da zona a escavar, do que xa vimos que había materiais entre o II e o IV d.C., e o Sondeo 6, ao NW, no que saíran os restos dunha casa de esquinas angulares con materiais do s. I d.C. Da Memoria Técnica entregada na Xunta de Galicia e xa aprobada pola Dirección Xeral do Patrimonio, cito:
 
"A área escavada foi ampliándose segundo os requirimentos da propia escavación. Sucesivamente foron abríndose os espazos que foron denominados como “Cata A", seguida da "Cata Estreita", a "Cata Longa" e a "Cata Nova", cada unha delas subdividida en dúas subzonas, a "Plataforma" ao Norte e o " Desnivel " ao Sur, separadas ambas as dúas polo trazado, visible ou suposto, da muralla. Finalmente ampliouse cara ao Norte a Cata A, dándose ao novo espazo o nome de "Ampliación da Cata A". Na documentación cada unha das zonas identifícase por dúas letras que definen a cata (CA= Cata A; CE=Cata Superficie escavada con zonas e subzonas Estreita; CL= Cata Longa, e CN= Cata Nova) seguida por unha terceira letra que sinala a subzona (P=Plataforma, e D=Desnivel). Á Ampliación da Cata A foi denominada ACA. En total abriuse unha superficie de 520 m2.
 
"O lamentable estado da documentación elaborada polo Equipo Técnico durante os meses de abril e maio, na que estaban sistemáticamente ausentes datos fundamentais para a comprensión e planificación da escavación, a pesares das miñas reconvencións e o meu traballo nocturno de revisión das fichas, de tal grado que chegou a comprometer seriamente a miña saúde por exceso de traballo e falla do imprescindible descanso cotián, botou a perder os intentos de recuperar o tempo perdido. Pola contra, a laboriosa tarefa de realizar o que chamo "arqueoloxía inversa" por analoxía coa máis usual "enxeñaría inversa", é dicir, "deconstruir" a documentación xerada co fin de detectar os erros que causaban confusión coa súa posterior corrección, fixo que os traballos de laboratorio se prolongasen durante un longo tempo que tería sido innecesario se no traballo dos técnicos se tivesen seguido os protocolos adoptados para a escavación. 

O que realmente importa agora é que nestes momentos entendemos estar en situación de ofrecer unha visión coherente do escavado, que pasamos a expoñer brevemente, pois non se trata dunha memoria definitiva, deixando os pormenores para esta, na que sigo a traballar, e que se encontra nun moi avanzado estado de elaboración. 
 
"Non é sinxelo expoñer de forma breve a marcha e resultados da escavación, pois esta resultou moi complexa ao encontrármonos con espazos moi tocados en diferentes épocas, sucedéndose derrubas sucesivas separadas por leves capas de terra nas que sistematicamente aparecen máis claros os abandonos que as ocupacións."
 
"Na periodización, sempre interpretativa e provisional en tanto novos datos ou a constatación de erros non obriguen a substituíla, como sempre en ciencia, por outra ordenación máis coherente e económica, establecín once períodos, a saber: 
1.- Contemporáneo 
2.- Cultivos modernos 
3.- Modificacións medievais (XIII-X) 
4.- Altomedieval (X-VII) 
5.- Xermánico (VI-V) 
6.- Séculos V-IV 
7.- Séculos IV-III 
8.- Séculos III-II 
9.- Muralla romana e preparación da ocupación imperial (século I?) 
10.- Restos da muralla primitiva e ocupación preimperial. 
11.- Pre-ocupación"
 

A área 14, escavada en 2009, ao remate da escavación. 

Os períodos que nos interesan agora son o 5 e o 6. Baixo as consabidas capas de terra vexetal, e unha vez escavados os potentes niveis de terras de cultivo modernas e medievais, aparece un panorama confuso e abigarrado correspondente á tardorromanidade sensu lato. Capas torturadas de abandonos e derrubos que pouco a pouco se van serenando ata configurar solos de ocupación e o que parecen restos dunha cachoupa adosada á muralla, que aproveita tamén muros anteriores, con feitos e refeitos  entre os séculos III e V.
 
 
 
E neses niveis, acompañados, ademáis de polos omnipresentes fragmentos de lousas e de tegulae, por materiais claramente tardorromanos, como tsht, Late Roman C de posible orixe focense, restos de ánforas béticas, lusitanas e africanas tardías, ou vidros tamén tardíos, comezan a aparecer pés realzados troncocónicos de cerámica gris, en todo similares aos kylikes de Luengo. 
 
¿Qué pintaban aí esas cerámicas imitacións de áticas? Mesmo dando por bo que fosen derivadas de campanienses, estaríamos en momentos anteriores á era, cando todo o demáis era posterior, moi posterior. 
 
 
 
 
 
Distribución de pés troncocónicos grises (puntos vermellos en CAP) na escavación de 2009 
 
A situación non podía ser máis contradictoria. Coñecedor das miñas limitacións, o primeiro que pensei é que todo estaba mal, que a confusión se debía a unha escavación mal dirixida. Pero os feitos aguantaban todas as probas e todos os contrastes. 
 
Máis aínda, lonxe de aclarar por qué aparecían aí, en contextos tardíos, cerámicas de momentos romanos ben temperáns, as sucesivas análises concretaban máis a súa cronoloxía: os presuntos "kilikes" estaban enmarcados, por abaixo (terminus post quem), por unidades estratigráficas que contiñan, por exemplo, unha panza de terra sigillata hispánica tardía con decoración do chamado Primeiro Estilo, ben encadrable a finais do século IV d.C.; por arriba (terminus ante quem), por un magnífico exemplar, fragmentado in situ, de cunca de terra sigillada africana D, fabricado en Túnez, da forma á que Hayes deu o número 99a, propia de finais do século V d.C. se non de comezos do VI.
Os nosos pés "raros" quedaban así ben situados no século V, pero non antes de Cristo coma os kilikes áticos, se non despois de Cristo: unha diferencia de mil anos.
 
 
Unha vez fixada a cronoloxía das pezas no século V d.C., do que se trataba era de comprender. Non coñeciamos nada similar en Galicia, e o século V nos resultaba de certo alleo. Tampouco os colegas consultados nos souperon indicar ónde comezar. Ata que, mentras estudabamos (sempre, sempre hai que estudar, estudar sen parar, continuamente) o impresionante "amansaburros" de título Cerámicas hispanorromanas. Un estado de la cuestión, de certo imprescindible, publicado en 2009 pola Universidade de Cádiz baixo dirección do infatigable Darío Bernal Casasola e A. Ribera i Lacomba, unha imaxe golpeounos os ollos: nela había tanto pés troncocónicos realzados semellantes aos nosos, coma formas carenadas que lembraban á de Luengo. Estaba no artigo de Ángel Paz Peralta adicado a "Las producciones de terra sigillata hispánica intermedia y tardía":
 
 
¿E qué son esas pezas da lámina que nos abría un camiño? Pois nin máis nin menos que cerámicas grises de Astorga, do século V, coas que Paz tipifica a súa proposta dunha nova facies, á que chama "grupo C", da terra sigillata hispánica tardía, difundida polas provincias de León, Palencia e Zamora (os grupos A e B son os dos alfares rioxáns e os da Meseta). Ao final ía resultar que andabamos a buscar polo Mediterráneo central e oriental, cando o fabriquín tiñámolo a carón da casa. 
 
Polas mesmas datas, a Dra. Rosa Brañas andaba a inventariar o legado que a filla de José María Luengo donara ao Museo Arqueolóxico de San Antón, no que Rosa estaba de bolseira. Ademais de libros, revistas, manuscritos e mobles, no legado había un certo número de pezas arqueolóxicas. Unha delas chamoulle a atención e mostrouma: era un pé troncocónico gris, pero que levaba unha referencia pegada: "Astorga". Mesmo se a cerámica desta última peza era de mellor factura, ou cando menos de mellor cocción, a similitude coas de Elviña resultaba patente: 
 
Pés realzados troncocónicos de Elviña (Luengo e Bello) e Astorga (Luengo). Debuxos e fotos (cutres, que son co móbil) de J.M.Bello. 
 
Non só tiñamos o fabriquín a carón da casa, se non que a peza clave para a interpretación dos primeiros falsos kilikes resultou tela Luengo, descubridor daqueles, nalgún caixón. 
 
Xa estabamos orientados, pero non estabamos conformes. As diferencias entre a única peza de Astorga e as de Elviña seguían estando aí, e das cerámicas de Paz Peralta tan só dispuñamos do debuxo e dunha breve descripción xeral das formas e das pastas. Cando xa estabamos pensando en ir ver as pezas de Astorga, que non están en Astorga se non en León, a casualidade proporcionounos unha ocasión ainda mellor. A S.E.C.A.H. - Ex Officina Hispana organizaba no Museo Arqueológico Nacional unha mesa redonda restrinxida sobre "La Terra Sigillata Hispánica Tardía y sus contextos: estado de la cuestión, e entre os relatores figuraba o Dr. Ángel Paz Peralta
 
Gracias á amabilidade do Presidente da SECAH, Dr. Ángel Morillo Cerdán, e do Secretario Xeral, D. Luis Carlos Juan Tovar, puiden asistir como ouvinte ás sesións da mesa redonda. Nas sesións era ouvinte, pero os entreactos eran meus: non é necesario dicir que, armado coas correspondentes caixiñas, asaltei implacablemente aos grandes sabios entre ponencia e ponencia. Como sempre ocurre cos grandes, a amabilidade e a sinxeleza de trato foi parella coa súa altura profesional e humana; só podo manifestar o profundo agradecemento a cantos torturei coas miñas preguntas. Foron moitos, por non dicir todos; pero o que importa agora é a abordaxe a Paz Peralta, por quen me enterei do recente pasamento de Maite Amaré Tafalla, no que foi a nota amarga da entrevista. O resto non puido ser mellor: actuando coma pedra de toque, Ángel Paz confirmounos que as pezas de Elviña non desentonarían no conxunto astorgano.
Dimos entón por bo que estabamos ante un conxunto, para nós descoñecido no mundo castrexo, e que xa tiñamos máis ou menos delimitado. O seguinte paso foi buscar e rebuscar nos fondos do museo ata atopar un bo número de pezas similares das escavacións de Luengo. Ademáis de novos pés, atopamos, coa axuda dos bolseiros Ana, María, Rosa e Xes, un bo número de bordes de diferentes recipientes, que repetían un certo número de formas. Nestas andábamos cando entramos en contacto internético con Luis Carlos Juan Tovar, quen nos dedicou moita, moita atención. Máis tarde tivemos o pracer de convivir con él varios días, así como con outros grandes sabios hispánicos, durante o curso "La cerámica romana en Hispania". Na terraza da cafetería da sé do CSIC vimos pausadamente as cerámicas, xunto co Dr. Ramón Járrega; non só confirmaron que íamos ben, se non que nos animaron a profundizar no seu estudo. 
 
Gracias a eses ánimos, que tan ben nos viñeron nesta longa temporada de resistencia frente a un acoso moral organizado desde forzas tan poderosas coma indignas, e seguindo os seus consellos, procedimos a debuxar as pezas, co resultado de que hoxe podemos propoñer que, no século V d.C., no Castro de Elviña estaba en uso unha vaixela gris cun servizo composto por tres formas: copa, cunca e prato:/div>
 
 
 
servizo de Elviña: Copa, cunca e prato en cerámica gris do século V (J.M. Bello) 
 
O conxunto resulta de interés, e ata agora, que saibamos, non sinalado no mundo castrexo. É evidente que é necesario profundizar nel, e a isto estamos a adicarnos en compañía de Luis Carlos Juan Tovar, que me fixo a honra de me considerar compañeiro nesta andadura. 
 
Pero de entrada xurden preguntas irremediables: ¿cómo é posible que estas cerámicas tan características aparezan tan só en Astorga e no Castro de Elviña? Non é fácilmente concebible que non esistan no solar urbano coruñés, tan abondoso en restos romanos e tardorromanos. A miña aposta é a de que aparecerán en canto se revisen as escavacións que forneceron restos da tardorromanidade, como a da Fundación Caixa ou algunhas das rúas da Franxa e Rego de Auga. Verémolo. 
 
E tampouco resulta fácil pensar que estas cerámicas non existan en Lugo, capital de conventus situada entre Coruña e Astorga. E con razón non resulta fácil, porque o certo é que parecen existir. Mesmo que a magnífica tese de Enrique Alcorta remate xusto aí, non deixa de citar o conxunto de cerámicas grises tardorromanas no que hai cuncas carenadas e pés realzados troncocónicos que, pensamos que por un erro da edición, non aparecen debuxados. 
 
Tendo Lugo, como ten, unha potente industria alfareira, somella que a hipótese de elección debe ser a de que as pezas de Elviña, insertas nunha tradición moi, moi ampla de cerámicas grises (cecais as máis coñecidas ou recoñecidas sexan as DSP) do século V, teñan sido fabricadas en Lugo. Pero para poder afirmar iso hai que recorrer un camiño longo que apenas acabamos de encetar. Esperamos recorrelo con saúde e con sabiduría: a última está garantida coa compañía de Luis Carlos Juan Tovar. 
 
De todas maneiras vaia vostede a saber: por eses tempos xa andaban os suevos por aquí, e en Lugo practicaban o noble deporte de matar bispos, como é ben sabido. 
 
E aquí remata a viaxe. De Atenas a Astorga con posible remate en Lugo: non está mal a longa marcha das cerámicas de Elviña, tanto no espazo coma no tempo, mil anos. 
 
Pero tampouco así me acoquinan. A fin de contas, más longo no tempo é o meu, do megalitismo á tardorromanidade.

Sic transit gloria mundi.


José María Bello Diéguez
Eadem mutata resurgo

Visitas: 1049

Comentario por Acteón el julio 5, 2011 a las 9:53am
Como siempre, tremendamente interesante, Pater.
Comentario por Elpater el julio 5, 2011 a las 4:51pm
Muchas gracias, don Acteón. Que la Fuerza lo acompañe y se lo pague. Yo llego hasta un café, con donuts si me insiste. Aprovecho para señalar que el artículo va en gallego porque así lo escribí, y ando sin tiempo para poder traducirlo y formatearlo en castellano. Pero que conste que lo haré en cuanto tenga tiempo, que de lo que se trata es de facilitar la comunicación entre todos, y en este foro hay muchas personas que pueden tener dificultad con un idioma que para los de aquí es cosa cotidiana. Espero que sepan disculparme (no por usar mi idioma, a lo que tengo pleno derecho, sino por no usar en el artículo el que también es mío y además nos es común), pero preferí ponerlo así a no poner nada. En cualquier caso, aquí me tienen para aclarar cualquier posible duda. Si es que me entero: hoy acabo de responder a un correo privado que llevaba casi un mes a la espera y yo sin enterarme. Soy un desastre, pero no lo digan.
Comentario por Acteón el julio 5, 2011 a las 9:32pm
No hay de qué, Pater. Estaré encantado de compartir café y charla cuando surja la ocasión. Mientras tanto le confieso que me alegré mucho de verle después de tanto tiempo y tener unas palabras con usted el 19-J (buena compañía y esperanzador contexto). Un saludo afectuoso.
Comentario por Giannini el julio 6, 2011 a las 5:36am
Me sumo a la felicitación. Llevamos una semanita francamente interesante.

Comentar

¡Necesitas ser un miembro de Arqueologia, Historia Antigua y Medieval - Terrae Antiqvae para añadir comentarios!

Participar en Arqueologia, Historia Antigua y Medieval - Terrae Antiqvae

TRANSLATE BY GOOGLE

Busca en Terrae Antiqvae

Recibe en tu correo los últimos artículos publicados en Terrae Antiqvae -Boletín Gratuito-

Enter your email:

Courtesy of FeedBurner

 

Donaciones

Terrae Antiqvae es una Red Social sin ánimo de lucro. Necesitamos tu apoyo para el mantenimiento del sitio. Apadrina esta Comunidad 

¡Gracias por tu ayuda!

Contacto con el editor:

Publicidad by Google

 

Lo más visto

Patrocinador: SMO Sistemas

Nuestro Canal de Vídeos en YouTube. ¡Suscríbete!

Síguenos en Redes Sociales: Facebook y Twitter

¡Gracias por visitarnos! ¡Bienvenid@!

Estadísticas desde 12 de noviembre de 2014.

Derechos de Autor:
Licencia de Creative Commons
Terrae Antiqvae® is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-SinObraDerivada 3.0 Unported License.

Información legal: Terrae Antiqvae® es Marca registrada por José Luis Santos Fernández. Marca nº 2.679.154 - Clase 41, Madrid, España. Reservados todos los Derechos. En Internet desde Julio de 2001.

Normas de la Comunidad (Aviso Legal):  Netiqueta - Términos de servicio

© 2024   Creado por José Luis Santos Fernández.   Tecnología de

Emblemas  |  Reportar un problema  |  Términos de servicio

Usamos cookies propias y de terceros que entre otras cosas recogen datos sobre sus hábitos de navegación para mostrarle publicidad personalizada y realizar análisis de uso de nuestro sitio. Si continúa navegando consideramos que acepta su uso. OK Más información | Y más